Thursday 19 de September de 2024

XXIV Mostra de Teatro Infantil de Ribeira


No día de hoxe a concelleira de Cultura, Antía Alberte, presentou a vixésimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira Daniel Gómez Ramil, xunto a Óscar Romero, director do grupo infantil municipal.

Esta mostra permite poñer en valor a creación teatral feita polos máis pequenos; e serve tamén para estrear a obra de teatro que prepararon os 20 cativos e cativas do grupo municipal.
Esta edición terá lugar do 31 de maio ao 8 de xuño no auditorio municipal e como novidade contará por primeira vez con agrupacións teatrais infantís dos catro concellos da comarca da Barbanza así como da contorna cun total de 10 formacións.
“Así pois teremos sobre o escenario ao grupo municipal de Ribeira, ao grupo de teatro do CEIP de Artes, o grupo Alondra de Palmeira, ao grupo do Colexio Bayón, os grupos das anpas de Bandaseca e Cadreche da Pobra do Caramiñal, dos grupos Teatrinclis e Patakamakabra da asociación Airiños de Rianxo, do grupo Mimarte de Boiro e do grupo municipal Vacalouras de Rois.” explicou a concelleira. “Algunhas son versións e adaptacións de obras xa coñecidas pero outras son novas creacións escénicas froito da creatividade e orixinalidade dos directores e mesmo do alumnado.”

Así, pasarán polo escenario do auditorio municipal de Ribeira máis de 170 artistas, aínda que os participantes nesta mostra superan os 400, pois moitas nenas e nenos, profesorado, directivos das ANPAS e familiares dos artistas colaboran nas tarefas de escenografía, ensaios, traslados ou montaxes.
As funcións serán todas elas ás sete e media da tarde e con entrada gratuíta, con apertura de portas media hora antes para todos aqueles que queiran asistir. Comezará o venres 31 de maio o grupo do CEIP de Artes e a eles seguiranlle as demais formacións ao longo destes días, sendo a clausura o sábado 8 de xuño, coa actuación do grupo municipal infantil e co acto oficial de clausura da mostra coa entrega dos diplomas e os agasallos a todos os participantes.